A obra de Candida Höfer —xunto coa de Andreas Gursky, Axel Hütte, Thomas Ruff e Thomas Struth— enmárcase dentro da tradición de fotógrafos alemáns herdeiros directos da estética conceptual e das ensinanzas que Bernd e Hilla Becher impartiron dende a Kunstakademie de Düsseldorf, e que logo readaptarían o proxecto orixinario da Nova Obxectividade para adoptar un particular xeito de enfrontarse ao mundo.
Seguindo o método de traballo iniciado polos seus mestres, as súas fotografías amosan un interese case que etnográfico pola multiplicidade de xeitos de representación da cultura contemporánea, relacionándose dun modo moi particular cos escenarios onde se desenvolve a sociedade e o coñecemento: son interiores de edificios, preferentemente de uso público ou semipúblico, que coma museos, igrexas, teatros ou salas de opera, arquivos e bibliotecas, son fotografados cando cesa toda actividade e están baleiros.
Tras un coidado proceso de produción realizado no contexto do Ano Santo, Candida Höfer presenta un novo corpo de imaxes baixo o título Espazos propios, unha «peregrinación fotográfica» a través dos espazos de intercambio cultural, de representación da literatura oral, dos arquivos e bibliotecas, que debuxan a cartografía dunha das máis antigas redes de comunicación como é o Camiño de Santiago, e que é plasmado en tres distintas exposicións: «Espazos» no Mosteiro de San Martín Pinario, «Lugares» na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, e «Imaxes» no espazo acoutado ao papel —ou publicación—.









